Farmacia

A principal función da Farmacia de ADOS é obter medicamentos derivados do plasma dos doantes de Galicia e distribuílos aos Hospitais do Servizo Galego de Saúde.

O sangue fracciónase na instalacións de ADOS en tres produtos diferentes:
  • glóbulos vermellos
  • plaquetas
  • plasma: parte líquida do sangue, con alto contido en proteínas
O plasma ten dous usos diferenciados:
  • Transfusión de plasma: para enfermos con grandes hemorraxias ou alteracións na coagulación
  • Obtención de medicamentos hemoderivados
O plasma pódese obter de dúas maneiras:
  • Separación do plasma das doazóns de sangue
  • Doazón de plasma por plasmaférese
Os medicamentos hemoderivados obtidos do plasma son necesarios para o tratamento de diferentes patoloxías, algunhas delas son as chamadas enfermidades raras que non teñen alternativas terapéuticas.

Estes tratamentos son indispensables para a supervivencia e a calidade de vida dos doentes, coma os enfermos diagnosticados de inmunodeficiencias, que teñen falta dun tipo de defensas: os anticorpos.

Os medicamentos hemoderivados distribuídos pola ADOS están formados por proteínas contidas no plasma de doadores altruístas de Galicia.

Estes medicamentos distribúense dende a Axencia de Doazón para seren administrados aos doentes nos hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde.

A crecente demanda de tratamentos con estes medicamentos especiais nos hospitais galegos fai necesario aumentar as doazóns altruístas de plasma en Galicia.

Medicamentos hemoderivados distribuídos pola ADOS aos hospitais públicos galegos

Albúmina:

Utilízase principalmente en pacientes con enfermidades hepáticas descompensadas ou en pacientes críticos ingresados nas UCI.

Factor VIII e Factor de Von Willebrand:

Son factores da coagulación

O Factor VIII úsase para evitar e tratar os sangrados nos pacientes diagnosticados de Hemofilia A (carencia de Factor VIII)

O Factor de Von Willebrand úsase para evitar e tratar os sangrados nos pacientes diagnosticados de enfermidade de Von Willebrand (carencia de Factor de Von Willebrand)

Inmunoglobulinas:

Son os anticorpos presentes no sangue, e proporcionan defensa fronte ás infeccións

Utilízanse principalmente como:

  • Reposición: doentes diagnosticados de inmunodeficiencias (falta de anticorpos e vulnerabilidade ás infeccións)
  • Inmunomodulador: doentes con alteracións do sistema inmunitario ou enfermidades raras como:

    • Trombocitopenia inmune primaria (falta de plaquetas e aparición de sangrados)
    • Síndrome de Guillain-Barré (funcionamento incorrecto dos nervios)
    • Enfermidade de Kawasaki (enfermidade infantil con agrandamento das arterias)
    • Neuropatía motora multifocal (enfermidade progresiva das extremidades)

α1-antitripsina:

​É unha proteína presente no sangue necesaria para que non se deterioren os pulmóns

Utilízase en doentes diagnosticados de déficit de α1-antitripsina e por tanto risco de destrución progresiva dos pulmóns. Esta enfermidade é frecuente en Galicia.

Comparte vida, únete a nós.