Os tratamentos con estes medicamentos especiais realízanse nos hospitais galegos para doentes con enfermidades graves e sen tratamentos alternativos.
Os medicamentos hemoderivados son terapias imprescindibles para o tratamento de numerosas enfermidades como trastornos da coagulación e enfermidades do sangue, doentes con inmunodeficiencias (enfermidades que causan defensas baixas), enfermidades graves do ril, do fígado e do sistema nervioso, como síndrome de Guillain-Barré, miastenia gravis ou enfermidades desmielinizantes inflamatorias.
Algúns destes medicamentos hemoderivados son:
-
Inmunoglobulinas:
- tratamento para doentes inmunodeprimidos que non teñen defensas e hai que darlles os anticorpos (defensas) doados polos doadores para que non adquiran infeccións graves.
- Para enfermidades autoinmunes (as defensas atacan o noso propio corpo): a estes doentes hai que aportarlles anticorpos sans doados polos doadores para que non lles produzan a súa enfermidade.
-
Factor VIII e Factor de von Willebrand: tratamento de pacientes con Hemofilia A e enfermidade de von Willebrand, para evitar sangrados.
-
Albúmina: para pacientes con enfermidades hepáticas graves e para reanimación de pacientes críticos en UCI.
-
Alfa-1 antitripsina: enfermidade respiratoria grave que dana os pulmóns e da que hai moitos casos en Galicia.