A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) están a promover unha iniciativa para incentivar a sensibilización social a prol da doazón de sangue, así como para aumentar as doazóns, no marco do desenvolvemento dos Campionatos de España de Clubs de Baloncesto Infantil Feminino e Masculino que se desenvolverán esta semana en Galicia.
Esta iniciativa conxunta, tenta achegar a doazón o seo das familias dos xogadores e xogadoras que competirán hoxe, venres 7, en Betanzos e o sábado 8 na cidade de Pontevedra. Para potenciar a participación, FEGABA obsequiará aos doantes cun agasallo, como agradecemento pola súa contribución e ADOS estacionará sendas unidades móbiles nos anteditos concellos.
Hoxe, venres 7 de xuño, unha unidade móbil estará estacionada nas inmediacións do Pavillón Municipal de Betanzos, sede na que se desenvolverán encontros do Campionato de España de Clubs de Baloncesto Infantil Masculino. Todas as persoas que desexen doar, poderán facelo das 16:00 ás 21:00 horas.
Así mesmo, na xornada do sábado 8, unha unidade móbil de ADOS estará, das 10:00 ás 15:00 horas, no exterior do pavillón municipal de Pontevedra, lugar onde se disputan os encontros correspondentes ao Campionato de España de Clubs de Baloncesto Infantil Feminino.
ADOS quere agradecer á FEGABA a súa participación nesta campaña especial de doazón xa que concita, nunha iniciativa, os positivos valores do deporte coa mensaxe de solidariedade e altruísmo propia da doazón de sangue, favorecendo a obtención de doazóns de sangue, imprescindibles para o axeitado desenvolvemento do labor asistencial dos nosos hospitais.