A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE DESTACA A EXCELENTE PARTICIPACIÓN NA CAMPAÑA "UNHA BOLSA, TRES VIDAS" PROMOVIDA POR CRUZ VERMELLA A CORUÑA

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere amosar o seu agradecemento a todas as persoas que doaron sangue o pasado sábado 1 de xuño na I Andaina Solidaria pola Doazón de Sangue que promoveu Cruz Vermella, baixo o lema “Unha bolsa, tres vidas”, para fomentar a solidariedade dos cidadáns a prol deste xesto solidario.

No transcurso da mañá do pasado sábado, as unidades móbiles de ADOS, que estiveron estacionadas na autoridade portuaria, acadaron 41 doazóns de sangue, das cales o 37% (15 doantes) correspondíanse con persoas que doaban sangue por vez primeira.

ADOS quere agradecer a colaboración de Cruz Vermella A Coruña na que, agardamos, sexa a primeira andaina de moitas edicións posteriores, xa que colectivos do prestixio social desta entidade, contribúen de xeito inestimable a espallar unha conciencia social favorable á doazón de sangue. Así mesmo, desde a Axencia queremos facer extensivo este agradecemento a todas as persoas que doaron sangue o pasado sábado, xa que coa súa colaboración é posible atender a moitos doentes a recuperar un bo estado de saúde.

Comparte vida, únete a nós.