ADOS PARTICIPA NUNHA XORNADA INFANTIL DE MEDIOS DE SEGURIDADE E EMERXENCIAS NO CONCELLO DE BARBADAS

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) participará hoxe, mércores 5 de xuño, nunha xornada infantil sobre medios de seguridade e emerxencia na Valenzá (Barbadás) e que, tamén, comprende unha iniciativa conxunta co CPR Luis Vives, para concienciar aos máis novos e novas da importancia da doazón de sangue e que está integrado dentro do programa educativo “Plan Proxecta”.

Nas xornadas previas a esta campaña de doazón, os escolares do CPR Luis Vives traballaron sobre a importancia da doazón de sangue e elaboraron un cartel sobre este xesto solidario, que se utilizou entre os membros da comunidade educativa para difundir esta iniciativa e incentivar a participación da cidadanía.

A unidade móbil de ADOS estará hoxe no Paseo dos Amieiros na Valenzá (Barbadás) das 09:30 ás 14:30 horas para posibilitar as doazóns de sangue de toda a veciñanza, así como para participar nesta xornada divulgativa sobre o labor dos distintos medios de seguridade e emerxencia de Galicia. Así mesmo, lembrar que pola tarde, das 15.30 ás 21.00 horas, será posible doar na unidade móbil que estará estacionada diante da farmacia da Valenzá para atender a todos os cidadáns.

Comparte vida, únete a nós.