Bioloxía Molecular e Histocompatibilidade

A unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibilidade realiza todas as determinacións xenómicas que precisa un centro de transfusión. Éstas comprenden, dende a detección dos ácidos nucleicos dos principais axentes patóxenos, que se poden transmitir polo sangue, para garantir que todas as doazóns sexan seguras, pasando pola xenotipaxe de diversos grupos sanguíneos, dos eritrocitos e das plaquetas, como ferramenta de apoio na rutina en casos problemáticos ou xenotipos raros, ata, moi especialmente, a xenotipaxe do sistema principal de histocompatibilidade (HLA), coma soporte analítico para o transplante de medula ósea e de proxenitores hematopoéticos, en xeral, na Comunidade Autónoma de Galicia.

A unidade colabora co REDMO e a Fundación Internacional Josep Carreras para la Lucha contra la Leucemia, na captación, información, análise e seguimento dos doadores de medula ósea de Galicia e mantén a histocompatibilidade do Banco de Sangue de Cordón Umbilical da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

A unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibilidade de ADOS está acreditada pola European Federation for Immunogenetics (EFI) dende 1998, e ten a consideración de centro de referencia para tipaxe HLA en transplante de medula ósea e de proxenitores hematopoéticos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, proporcionando soporte analítico de histocompatibilidade aos centros de transplante.​

Comparte vida, únete a nós.