ÉXITO DE PARTICIPACIÓN EN EL PROGRAMA DE PLASMAFÉRESIS GRACIAS A LA COLABORACIÓN DE LOS DONANTES DE VILAGARCÍA DE AROUSA

​

​

O programa de plasmaférese, que está desenvolvendo a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), achegouse o pasado venres 20 de novembro ata o concello de Vilagarcía de Arousa obtendo unha participación de doce cidadáns que, por vez primeira, doaban mediante este sistema.


A ADOS está levando a cabo unha novidosa iniciativa consistente na recollida de doazóns de plasma en equipos portátiles, sendo o municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa, o primeiro en acoller este programa que tentará achegarse aos concellos cabeceira de bisbarra onde exista un número axeitado de potenciais doantes.


Importancia da doazón

A plasmaférese é un xeito de doazón no que é posible seleccionar a parte líquida do sangue (o plasma) e restituírlle ao doador o resto de compoñentes sanguíneos (a parte celular como as plaquetas e os glóbulos vermellos). Ademais, o plasma extraído posúe diversas proteínas que permiten a obtención de medicamentos hemoderivados que posibilitan o tratamento hospitalario de moitos enfermos.


Algúns dos medicamentos, que obtemos grazas ao plasma, son as inmunoglobulinas, factor VIII, albúmina ou alfa-1 antitripsina. A crecente demanda dos tratamentos con medicamentos hemoderivados nos hospitais, fai preciso incrementar as doazóns de plasma, polo que a ADOS, que xa posibilitaba a realización de doazóns de plasma nos locais de doazón xestionados pola Axencia, quere facer chegar este programa itinerante ao maior número de cidadáns posible.


Plan Nacional

Este programa forma parte do Plan Estratéxico Nacional para a Autosuficiencia en Plasma Humano (PENAP), que ten como obxectivo dar a coñecer este modo de doar e aumentar a cantidade de doazóns de plasma procedentes de doantes voluntarios e altruístas, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde.

O Plan PENAP supón un decidido compromiso na mellora á atención aos doentes e supón un esforzo por parte de todos os sistemas públicos sanitarios das distintas Comunidades Autónomas, entre elas Galicia, para potenciar un incremento das doazóns de plasma. O obxectivo da ADOS con este novo programa é acadar un aumento de doazóns de plasma que permitan a obtención de medicamentos que, posteriormente, serán utilizados no tratamento de doentes dos hospitais galegos.

Requisitos de participación

Todas as persoas que teñen doado sangue alo menos dúas veces polo xeito convencional, pesen máis de 50 quilos e teñan entre 18 e 70 anos son susceptibles de participar.

Ademais, as doazóns realízanse baixo estrita supervisión médica e polo sistema de cita previa para evitar períodos de espera, xa que as doazóns por plasmaférese teñen unha duración aproximada de entre 30 e 40 minutos. A ADOS ofrecerá aos doantes xa rexistrados na súa base de datos, esta posibilidade e convidaralles a participar cando este programa chegue ao seu municipio.

A ADOS quere agradecer á solidariedade e o compromiso dos veciños e veciñas de Vilagarcía de Arousa, especialmente aos seus doantes, pola súa constante colaboración nas campañas de doazón de sangue, recoñecemento que fai estensivo á corporación municipal polas facilidades amosadas para a realización de iniciativas destinadas a fomentar este xesto altruísta.


​


Comparte vida, únete a nosotros.