ADOS E O CLUB BALONCESTO BREOGÁN PROMOVEN UNHA CAMPAÑA CONXUNTA A FAVOR DA DOAZÓN DE SANGUE

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o CB Breogán colaboran esta semana nunha nova iniciativa conxunta, coa cooperación da Deputación Provincial de Lugo, para invitar á cidadanía lucense a participar na campaña de doazón de sangue.

Así, unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará o día 30 de marzo na Praza Maior de Lugo en horario de 09:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas.

As primeiras persoas que acudan a doar sangue recibirán invitacións para poder asistir gratis ao partido Río Breogán vs joventut de Badalona do sábado 1 de abril, ás 18:00 horas no Pazo Provincial dos Deportes (ata rematar o número limitado de entradas dispoñibles).

Dende a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue queremos salientar a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para acadar unha conciencia solidaria proclive á doazón como, nesta ocasión, está a impulsar o CB Breogán e a Deputación de Lugo, xa que se unen os valores positivos do mundo do deporte á nosa mensaxe, para así poder transmitila con máis forza a toda a sociedade.

Comparte vida, únete a nós.