O CENTRO COMERCIAL TRAVESÍA DE VIGO AGASALLA A SOLIDARIEDADE DOS DOANTES DE SANGUE

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) achegarase o venres 12 de xuño ata o Centro Comercial Travesía de Vigo para que todas as persoas que desexen doar podan facelo no local da planta baixa das instalacións comerciais, en horario das 10:00 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas.


O Centro Comercial Travesía de Vigo quere agasallar, pola súa solidariedade, cunha entrada de cine a todas as persoas que acudan a doar.


A ADOS leva desenvolvido unha ducia de campañas de doazón no Centro Comercial Travesía de Vigo desde o ano 2021, acadando un total de 729 doazóns de sangue. A Axencia quere amosar o seu agradecemento á xerencia do CC Travesía de Vigo polo seu compromiso e apoio ás campañas de doazón de sangue, especialmente nesta xornada, véspera da conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue.


Ademáis, salientar que, tamén na cidade de Vigo, ao longo da mañá do sábado 13 de xuño, a Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI) instalará unha mesa informativa ao carón da unidade móbil da ADOS que estará na Rúa Príncipe. Esta iniciativa levase a cabo na xornada previa á conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue.


Comparte vida, únete a nós.