STELLANTIS VIGO ACADA 482 DOAZÓNS NA PRIMEIRA CAMPAÑA ANUAL DESENVOLVIDA POLAS UNIDADES MÓBILES DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) acadou unha cifra de 482 doazóns de sangue na primeira das catro campañas de doazón de sangue anuais que desenvolve nas instalacións de Stellantis Vigo. No transcurso desta campaña, que tivo lugar os días 12, 18 e 19 de febreiro, ADOS rexistrou unha elevada participación na factoría viguesa salientando, ademais, que 23 das persoas que doaron sangue o fixeron por vez primeira.

Esta é a primeira visita das catro que a ADOS realizará este ano en Stellantis Vigo e a Axencia quere poñer en valor a contribución desta empresa viguesa que acumula 79.322 doazóns de sangue desde o 5 de xullo de 1995, data da primeira visita ata esta significativa factoría galega. ADOS quere amosar o seu sincero agradecemento a Stellantis Vigo, un dos principais centros de referencia do tecido industrial galego que, desde o inicio da súa andaina, ten amosado o seu compromiso coa sociedade galega e co solidario xesto da doazón, tanto de órganos como de sangue.

Traxectoria solidaria

Hai máis de tres décadas, Stellantis Vigo comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade e que, actualmente, consolidan a esta empresa como un referente a nivel estatal, sendo a empresa española con maior número de doazóns de sangue.

Salientar que, grazas á colaboración dos profesionais da empresa viguesa, que teñen doado ao longo destas tres décadas, puideron subministrarse compoñentes sanguíneos para realizar, por exemplo, máis de 39.660 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a 15.800 doentes oncolóxicos.

​ADOS quere salientar a constante implicación e compromiso de Stellantis Vigo co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como agradecer a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue a súa participación.


Comparte vida, únete a nós.