Estudantes dos ciclos de Marketing e Publicidade e de Coidados Auxiliares de Enfermería do Centro Chíos Formación (A Coruña) están a desenvolver unha campaña especial de doazón de sangue para incentivar a participación da veciñanza na campaña de doazón que se está a desenvolver hoxe, martes 4 de febreiro, na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) que está estacionada na Rúa Ramón e Cajal na Coruña.
A unidade móbil ubicada nesta rúa da zona de Cuatro Caminos atenderá a todas as persoas que desexen colaborar das 09:30 ás 14:30 horas e das 15:30 ás 21:00 horas.
Nas xornadas previas á visita da unidade móbil da ADOS, os estudantes de Chíos Formación distribuiron información elaborada por eles mesmos entre a veciñanza, convidándolles activamente á doar sangue. Entre os materiales elaborados figuran carteis ou chapas alusivas a este xesto solidario. Así mesmo, salientar a colaboración da Tenda de Dani, un establecemento local, que cedeu froita e chocolates como xeito de agasallar a participación das persoas que acudan ao longo da presente xornada a doar sangue.
Desde a ADOS, agradecer a Chíos Formación e ao seu alumnado a súa implicación no desenvolvemento de iniciativas destinadas a fomentar o xesto solidario da doazón e que contribuén á creación dunha conciencia social favorable á doazón de sangue.