A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE VISITA ESTA SEMANA AS INSTALACIÓNS DE COREN OURENSE, EMPRESA REFERENTE DE SOLIDARIEDADE NO EIDO DA DOAZÓN DE SANGUE

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) está a desenvolver unha campaña de doazón nas instalacións de COREN Ourense, a empresa con maior número acumulado de doazóns de sangue da provincia ourensá.

Desde a posta en marcha das campañas de doazón de sangue en unidades móbiles, ADOS ten visitado as instalacións de COREN CPA e Coren San Cibrao todos os anos desde 1996, acadando desde esa primeira visita, unha cifra de 3.075 doazóns de sangue procedentes da solidariedade dos seus traballadores e traballadoras.

COREN Ourense é unha empresa referente de altruísmo e solidariedade que, mesmo, foi recoñecida en diversas ocasións co gallo da conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue e, no 30º aniversario celebrado por ADOS en 2023, recolleu un dos galardóns por ser unha das empresas referentes no eido da doazón de sangue en Galicia.

Ao longo da presente semana, unha unidade móbil de ADOS estará estacionada hoxe, martes 21 e mañá mércores 22, no recinto da empresa Coren CPA das 09:30 ás 14:30 horas, e o xoves 23 a unidade móbil da Axencia visitará as instalacións de Coren en San Cibrao, para atender a todos os doantes das 09:30 ás 12:30 horas. Así mesmo, das 13:00 ás 15:00, a unidade móbil de ADOS visitará a empresa Coren CPA en Taboadela para facilitar a participación dos traballadores e traballadoras desta instalación.

ADOS quere agradecer a COREN Ourense a súa longa traxectoria de colaboración e compromiso coa doazón de sangue, xa que coa sua participación nas campañas de doazón non só contribúe a consecución dun elevado número de doazóns de sangue, senón que permite a creación dunha conciencia social favorable á doazón de sangue. Desde a Axencia, amosar o noso recoñecemento á dirección de COREN pola súa colaboración, agradecemento que queremos facer extensivo a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue.

Comparte vida, únete a nós.