Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desprazouse onte martes 8 de xullo, ata as instalacións da Conserveira Pescamar para atender a todos os traballadores e traballadoras da empresa que quixeron doar sangue.
Desde 1997 Pescamar recibiu preto de 25 visitas de ADOS para recoller a xenerosidade dos seus profesionais que permitiron alcanzar máis de 440 doazóns ao longo destes anos.
Esta colaboración constante reflicte o alto grao de compromiso e solidariedade do persoal da conserveira, que contribúe cada ano a salvar vidas grazas aos seus xestos altruístas.
ADOS quere amosar o seu agradecemento á dirección da empresa polo seu constante compromiso e implicación coas campañas de doazón desenvolvidas pola Axencia, así como a todos os traballadores e traballadoras que colaboran neste acto solidario que contribúe á creación dunha conciencia social favorable á doazón.
A Axencia quere lembrar a importancia da participación nas doazóns para manter estables as reservas de sangue ao longo de todo o ano, especialmente nos meses de verán, cando as necesidades de hemoderivados dos hospitais mantéñense constantes e as doazóns adoitan descender.