A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desenvolverá esta semana unha campaña de doazón que achegará as unidades móbiles ata as instalacións da Xunta de Galicia en Lugo, Santiago de Compostela e Vigo. Ao longo das xornadas do luns 3, martes 4, mércores 5 e xoves 6, unha unidade móbil da Axencia estará estacionada diante da cafetería dos edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Caetano (Santiago de Compostela) e atenderá aos doantes das 09:30 ás 14:30 horas.
Ademáis, outra unidade móbil estará o martes 4 de febreiro, na Ronda da Muralla, na Porta de San Fernando, para facilitar o acceso á doazón dos traballadores e traballadoras do Edificio Administrativo da Xunta en Lugo. Neste caso, o horario de atención será das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas.
Así mesmo, outra unidade móbil da ADOS estará o luns 3 de febreiro das 09:30 ás 14:30 horas, diante da porta principal das Delegacións da Xunta de Galicia en Vigo.
A ADOS ten visitado as instalacións da Xunta de Galicia en San Caetano desde o ano 1994. No caso de Lugo e Vigo, as primeiras campañas remóntanse aos anos 2004 e 2002 respectivamente. Neste sentido, salientar que teñense rexistrado, ata o momento, un total de 8.618 doazóns nas campañas desenvolvidas nos edificios administrativos do executivo galego en Santiago, namentras que nos de Lugo e Vigo as cifras foron de 1.232 e 1.161 doazóns, respectivamente.
Neste sentido, desde a Axencia agradecer a todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galicia a súa constante colaboración e compromiso co solidario xesto da doazón de sangue e convida a todos eles a participar nesta campaña ao longo da presente semana.