A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) está a desenvolver hoxe, mércores 26 de xuño, unha campaña de doazón nas instalacións de CIE Galfor, empresa que conta cunha longa traxectoria de colaboración e compromiso coas iniciativas destinadas a promover o solidario xesto da doazón de sangue.
Desde a posta en marcha das campañas de doazón de sangue en unidades móbiles, ADOS ten visitado as instalacións de CIE Galfor en San Cibrao das Viñas un total de 47 veces desde o ano 1995, acadando desde esa primeira visita, unha cifra de 1.541 doazóns de sangue procedentes da solidariedade dos seus traballadores e traballadoras.
CIE Galfor é unha empresa referente de altruísmo e solidariedade que, mesmo, foi recoñecida co gallo da conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue no ano 2019, recollendo un galardón que a acreditaba como empresa especialmente destacada no eido da doazón de sangue en Galicia.
Ao longo da presente xornada, os traballadores e traballadoras de CIE Galfor terán unha nova oportunidade de doar sangue na unidade móbil que estará estacionada dentro do recinto da empresa e que atenderá a todos os doantes das 09:30 ás 14:30 horas e das 15:30 ás 21:00 horas.
ADOS quere agradecer a CIE Galfor a súa longa traxectoria de colaboración e compromiso coa doazón de sangue, xa que coa sua participación nas campañas de doazón non só contribúe a consecución dun elevado número de doazóns de sangue, senón que permite a creación dunha conciencia social favorable á doazón de sangue. Desde a Axencia, amosar o noso recoñecemento á dirección de CIE Galfor pola súa colaboración, agradecemento que queremos facer extensivo a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue.