Ata finais do presente mes de xuño poderá visitarse a exposición “Do-Arte”, promovida polo Colexio Montesol de Vigo que recolle traballos elaborados polo alumnado deste centro dentro do Programa Salvavidas. Neste sentido, salientar que o pasado 7 de xuño inaugurouse esta exposición, á que asistiron Encarnación Bouzas e Paula Boga, coordinadora autonómica de transplantes e técnico especialista, respectivamente, de Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).
Este programa educativo, incluido no Plan Proxecta, busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorece a innovación dos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede do alumnado e profesorado implicado. Neste caso concreto, o Colexio Montesol ten unha longa traxectoria de sensibilización a prol da doazón e transplante de órganos e a exposición “Do-Arte” recolle os traballo artísticos desenvolvidos polo estudantado no presente curso académico, sempre tendo como perspectiva a necesidade de promover unha cultura solidaria a prol da doazón.