A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE FACILITA MEDIANTE O TELÉFONO GRATUÍTO 900 100 828 A CITA PREVIA AOS DOANTES DE SANGUE

ADOS lembra a necesidade de aumentar a participación dos cidadáns, especialmente do grupo A Negativo, nas vindeiras semanas en previsión dun aumento na demanda do subministro dos compoñentes sanguíneos por mor da reactivación da actividade asistencial

Santiago, 13 de maio de 2020.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) lembra a necesidade de incrementar a participación dos doantes de sangue nas vindeiras semanas por mor do previsible incremento da demanda de compoñentes sanguíneos por mor da reactivación da actividade asistencial. ADOS salienta que son necesarias doazóns de todos os grupos sanguíneos pero, especialmente, do grupo A Negativo.

Para facilitar o acceso de todos os cidadáns que desexan participar, ADOS salienta que está en funcionamento, desde mediados do pasado mes de marzo, un sistema de cita previa mediante o teléfono gratuíto 900 100 828.

Todas as persoas que desexen doar sangue poden solicitar cita previa para doar no 900 100 828 e facilitaraselles mediante unha mensaxe de texto ao seu teléfono móbil dunha cita para doar, con lugar, data e hora. Mediante este sistema axilizanse o proceso de doazón, evitando colas ou períodos de espera. 

Contacto e información

Ademais, ADOS lembra que ten a disposición de todos os doantes a súa web ados.sergas.gal na que recolle os desprazamentos das unidades móbiles e tamén os horarios de atención dos locais de doazón das sete grandes cidades galegas, así como as súas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram e canle de Youtube).

Outro dos xeitos de contacto, tanto para solicitar cita previa como para solventar calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue é o enderezo de correo electrónico: doadoressangue.ados@sergas.gal
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere amosar o seu sincero agradecemento a todas as persoas que doan sangue pero, moi especialmente, a todas aquelas que teñen colaborado activamente desde o pasado 13 de marzo, xa que a súa participación ten posibilitado ter tratado a miles de enfermos que precisaban recibir unha transfusión de compoñentes sanguíneos.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

Comparte vida, únete a nós.