A COMPAÑíA FRINSA ACOLLE ESTA SEMANA A VISITA DUNHA UNIDADE MÓBIL DE ADOS

 
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desenvolve este mércores 10 de xullo unha nova campaña nas instalacións de FRINSA, empresa que conta cun longo percorrido de colaboración e compromiso coas iniciativas dirixidas a promover o xeneroso xesto da doazón de sangue.

Dende o comezo das campañas de doazón de sangue en unidades móbiles nesta factoría, ADOS ten visitado as instalacións de FRINSA en Ribeira un total de 80 veces dende o ano 1994, acadando dende esa primeira visita, 2.759 doazóns de sangue procedentes da solidariedade dos seus profesionais.

Durante a xornada do mércores, as traballadoras e traballadores de FRINSA terán unha nova oportunidade de doar sangue na unidade móbil de ADOS que estará estacionada no parking da empresa e que atenderá a todos os doantes de 10:00 ás 14:00 e de 16:00 ás 21:00 horas.

Dende ADOS, queremos amosar o noso recoñecemento á Dirección de FRINSA pola súa colaboración, agradecemento que facemos extensivo a todos os profesionais que doan sangue.

Comparte vida, únete a nós.