O MÉRCORES VINTE E SETE DE MARZO CELÉBRASE O DÍA NACIONAL DO TRANSPLANTE 2024


Dende hai varios anos, por iniciativa da Federación Nacional de Enfermos y Trasplantados Hepáticos, vénse celebrando en España cada derradeiro mércores de marzo o Día Nacional do Transplante, unha data que ten como obxectivo principal o de agradecer a todas aquelas familias que permiten a doazón de órganos dos seus seres queridos, pois é un gran acto de xenerosidade e altruísmo que salva moitas vidas ao longo do ano. Ao mesmo tempo que se pon en valor a figura dos profesionais que fan posible co seu traballo que a cifra de transplantes continúe aumentando.

 

Así mesmo, salientar que en Galicia durante o 2023 efectuáronse un total de 331 transplantes, dos cales 168 foron de ril, 88 de fígado, 4 de páncreas, 22 de corazón e 49 de pulmón.

Ademais, subliñar que no 2023 Galicia acadou unha porcentaxe de negativas familiares do 15,5%, o que a sitúa por debaixo da media nacional, que é do 18%. Por outra parte, tamén resaltar que preto de 125.000 persoas teñen tarxeta de doantes de órganos en Galicia. Destas, 2.612 son novas tarxetas rexistradas no 2023 pola Coordinación Autonómica de Transplantes ADOS.

Comparte vida, únete a nós.