A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a empresa Jealsa promoven a doazón de sangue ao longo da presente semana en distintas instalacións da empresa localizadas na provincia da Coruña.
ADOS salienta a solidariedade da dirección desta empresa e dos seus traballadores e traballadoras que, no 30º aniversario da ADOS celebrado o pasado ano, foi premiada pola súa longa traxectoria de colaboración e compromiso a prol da sangue, sendo unha das empresas pioneiras na implantación das campañas de doazón en Galicia. O 1 de xuño de 1994, unha das factorías de Jealsa acollía, por vez primeira, unha campaña de doazón de sangue e, na actualidade, tense consolidado como unha das empresas con maior número de doazóns acumuladas ao longo das tres últimas décadas, cun total de 7.523 doazóns.
Unha unidade móbil da Axencia estará hoxe no aparcadoiro de Silsoco, das 10:00 ás 14:00 horas, e visitará nas xornadas do 22 e 23 de maio ás instalacións de Jealsa en Bodión, estando estacionada no aparcadoiro, para facilitar o acceso dos traballadores e traballadoras das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas.
ADOS quere amosar o seu sincero agradecemento á dirección de Jealsa polo seu constante compromiso coas campañas de doazón desenvolvidas pola Axencia. Así mesmo, desde a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue faise extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras de Jealsa SA que doan sangue.