ENCE PARTICIPA NA CAMPAÑA DE DOAZÓN PROMOVIDA POLA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) está a desenvolver hoxe martes 14 de outubro, unha nova campaña de doazón nas instalacións da Empresa Nacional de Celulosas (ENCE), entidade comprometida coas iniciativas destinadas a promover a doazón.

Ao longo da presente xornada, os traballadores e traballadoras de ENCE terán unha nova oportunidade de doar sangue na unidade móbil, que estará estacionada tras o comedor da fábrica, en horario de 09:30 a 14:30 horas e pola tarde de 15:30 a 18:30 horas.

A Empresa Nacional de Celulosas foi visitada polas unidades móbiles de ADOS en 20 ocasións, desde 2014, ano no que a compañía iniciou a súa colaboración co xeneroso xesto de doar sangue. Desde entón, conseguíronse excelentes resultados con preto de 470 doazóns procedentes da implicación e xenerosidade dos seus profesionais.

ADOS quere agradecer á dirección ENCE a súa especial sensibilidade a prol do solidario xesto da doazón de sangue, así como a súa colaboración e compromiso no desenvolvemento das campañas de doazón en unidades móbiles, que favorece ó acceso á doazón dos traballadores e traballadoras nas propias instalacións da empresa. 

A Axencia fai extensivo o seu recoñecemento a todos os profesionais de ENCE, xa que co seu xesto solidario contribúen ao mantemento do intenso labor asistencial dos centros sanitarios galegos.


Comparte vida, únete a nós.