O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo acolle hoxe xoves 9 de outubro a inauguración da exposición dos carteis participantes no concurso escolar 2024/25 organizado pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).
A mostra, que estará situada na zona de consultas, xunto á cafetería do Hospital, está promovida pola Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo, (ADROVI) e centra a súa atención na temática da doazón e os transplantes de órganos e tecidos.
Os traballos que forman parte desta exposición foron elaborados por escolares de toda Galicia e destacan pola súa creatividade, orixinal enfoque e sensibilidade sobre a importancia que teñen a doazón e os transplantes no sistema sanitario.
Este certame, organizado por ADOS, leva xa sete edicións e está dirixido ao alumnado galego de Educación primaria e secundaria. O seu obxectivo é achegar á poboación escolar a realidade da doazón, promovendo valores de solidariedade e concienciación social.
A través da expresión artística, os estudantes reflexionan sobre a importancia de doar para salvar vidas e mellorar a situación sanitaria de moitas persoas, fomentando na comunidade educativa unha maior comprensión e compromiso coa doazón de órganos como unha acción vital para a sociedade.