A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) levará a cabo mañá xoves 25 de setembro, unha nova campaña de doazón de sangue no Polígono de A Piadela en Betanzos, desprazando unha unidade móbil que permanecerá estacionada fronte ás instalacións de GADISA en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.
A iniciativa busca promover o solidario xesto da doazón e facilitar a participación dos traballadores e traballadoras de GADISA e do resto do persoal das empresas situadas na zona.
Desde que comezaron estas campañas no ano 1997, a unidade móbil de ADOS visitou o Polígono de A Piadela preto de 60 ocasións, logrando un total de 1.878 doazóns. Estes datos consolidan este emprazamento como un punto clave dentro da rede de recollida de sangue desenvolvida por ADOS en Galicia.
A organización de campañas deste tipo, coa colaboración de entidades como GADISA, supoñen un significativo impulso ás doazóns porque axudan a sensibilizar e concienciar, non só á poboación en xeral, senón a sectores importantes do tecido empresarial galego.
ADOS quere trasladar o seu agradecemento á xerencia de GADISA e ao polígono industrial de A Piadela pola súa contribución xenerosa, nun acto solidario e altruísta como é doar sangue. Agradecemento que fan tamén extensible a todos os profesionais que participan en cada campaña de doazón.