ADOS PARTICIPA NO “V PASEO DA SAÚDE” CELEBRADO NO CONCELLO DE BARBADÁS

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) asistiu o pasado venres 19 de setembro á quinta edición do “Paseo da Saúde”, que se celebrou na localidade de A Valenzá, do municipio de Barbadás en Ourense, nunha xornada destinada a visibilizar e apoiar o traballo das asociacións de pacientes, agrupacións e entidades sociais da provincia.

O evento tivo lugar na avenida de Celanova, no entorno da Rotonda da Familia, onde ADOS instalou unha mesa informativa xunto a outros postos das distintas agrupacións que participaron no evento.  Neste sentido, as persoas asistentes puideron coñecer de primeira man a labor que desempeña ADOS e a importancia da doazón para o noso sistema sanitario. 

Para recoller a solidariedade da veciñanza a unidade móbil da ADOS estivo estacionada no recinto onde se celebrou esta quinta edición do "Paseo da Saúde", en horario de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas .

Desde ADOS consideran que esta iniciativa é unha oportunidade para fomentar a solidariedade, informar sobre a importancia da doazón e ofrecer un espazo de encontro entre a comunidade e as entidades dedicadas á saúde e ao benestar social. Neste sentido, ADOS convidou a toda a cidadanía a achegarse á unidade móbil para informarse, participar e contribuír a esta causa tan esencial para o noso sistema de saúde.

Para máis información esta dispoñible a paxina web de ADOS: www.ados.sergas.gal, tamén as redes sociais e un teléfono gratuíto de información, 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 


Comparte vida, únete a nós.