ADOS FOMENTARÁ A DOAZÓN DE SANGUE ENTRE O MÁS NOVOS NA VII FEIRA DA CIENCIA DE CULLEREDO

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) participará este sábado 7 de xuño, na VII edición da Cullerciencia, a feira científica escolar de Culleredo, que se celebrará na explanada do Paseo Marítimo do Burgo de 12:00 a 19:00 horas.

A asistencia de ADOS ao evento, contará coa colaboración da Irmandade de Doantes de Sangue da Coruña, co obxectivo de sensibilizar e concienciar á cidadanía, e especialmente aos máis novos, sobre a importancia da doazón. Para iso, durante a celebración da feira, instalará unha carpa, onde os máis pequenos e pequenas da casa, poderán desenvolver a súa creatividade, realizando debuxos, elaborando chapas ou traballando con contidos informativos sobre a doazón de sangue, entre outras actividades. Así mesmo, ADOS estacionará no recinto feiral, unha unidade móbil que atenderá ás persoas que queiran doar sangue, en horario de 10:00 a 15:00 horas.  

A Axencia de Doazón  de Órganos e Sangue quere agradecer á organización desta VII edición de Cullerciencia, as facilidades ofrecidas para o desenvolvemento desta iniciativa que, ademais de ter como obxectivo as doazóns de sangue, ten como meta  favorecer o contacto dos escolares galegos coa doazón que permita a creación dunha conciencia social favorable con este xesto solidario.


Comparte vida, únete a nós.