A COMUNIDADE EDUCATIVA DE PANXÓN BUSCA O RETO DE ALCANZAR AS 50 DOAZÓNS DE SANGUE

A comunidade educativa de Panxón, que integra o CPI Arquitecto Palacios, a escola infantil As Dunas e o C.E.E, levarán a cabo, hoxe mércores 21 de maio, e por terceiro ano consecutivo, a súa campaña solidaria de doazón de sangue.

En colaboración co concello de Nigrán e coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), a edición deste ano quere alcanzar o reto das 50 doazóns, unha por cada ano de existencia do centro educativo que coincide precisamente co seu 50 aniversario.

Para iso, unha unidade móbil de ADOS estará situada no recinto escolar do Camiñó dos Lagos de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas para recoller a solidariedade de todos os veciños e veciñas que queiran compartir o seu tempo para doar sangue. O ano pasado conseguíronse 39 doazóns, das cales cinco corresponderon a persoas que doaban sangue por primeira vez.

Os estudantes e organizadores da iniciativa levan meses traballando na cartelería promocional e nos obsequios que entregarán aos voluntarios, co obxectivo de concienciar á cidadanía da importancia de doar sangue.

Desde ADOS queremos facer un chamamento a todas as familias e á veciñanza de Nigrán para que participen e colaboren na doazón que permita superar este reto solidario e contribuír coa súa xenerosidade e altruísmo a salvar vidas.
Asímesmo tamén queremos transmitir o noso agradecemento a todos os organizadores e organizadoras desta iniciativa, aos alumnos e alumnas dos colexios, ao concello e á veciñanza de Nigrán pola súa implicación, sen a cal non sería posible a posta en marcha do devandito evento.



Comparte vida, únete a nós.