ADOS ESTARÁ PRESENTE NA "FESTA DO MELINDRE" CUNHA UNIDADE MÓBIL PARA FOMENTAR A DOAZÓN EN MELIDE

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue súmase á “Festa do Melindre” co desprazamento dunha unidade móbil á localidade de Melide, co obxectivo de promover a doazón e animar a todas as persoas a participar neste xesto solidario e xeneroso que nos beneficia a todos.

Como agradecemento á súa colaboración, todas as persoas que se acheguen a doar sangue serán obsequiados cos doces típicos da zona, grazas á cortesía do concello da localidade e á organización da “Festa do Melindre”. 

Para facilitar a asistencia dos doantes, a unidade móbil estará instalada este venres 9 e o sábado 10 de maio no parque Rosalía de Castro, diante do centro multiusos e a biblioteca municipal, en horario de 10:15 a 14:00h e de 16:00 a 21:00h o venres, mentres que o sábado será pola mañá de 10:00 a 14:00h. 

Taxa de doazón

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salienta que, o pasado ano 2023, Melide foi o concello con maior taxa de doazón na provincia da Coruña, xa que acadou ou índice de 86 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Por iso, ADOS quere trasladar a todos os veciños e veciñas deste concello o seu recoñecemento pola súa solidariedade e altruísmo, así como á corporación municipal, polo seu decidido apoio ás iniciativas destinadas a promover a doazón de sangue. 

A "Festa do Melindre" que se celebrou por primeira vez en 1992, alcanza esta fin de semana a súa trixésima terceira edición para poñer, unha vez máis en valor, a forma tradicional de facer repostería de Melide e a súa bisbarra. 



Comparte vida, únete a nós.