Enmarcado dentro do Programa de Formación de Transplantes, impartirase en todos os hospitais de Galicia
A Coordinación Autonómica de Transplantes (CAT) en colaboración coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) organiza un curso acreditado de doazón e transplante de órganos e tecidos dirixido ao persoal médico e de enfermaría.
Promovido pola Organización Nacional de Transplantes (ONT), o curso pretende actualizar e ampliar coñecementos sobre o proceso de doazón e transplante, e implicar aos profesionais sanitarios para que actúen adecuadamente no momento de atoparse en situacións de atención a potenciais doantes.
O curso que se impartirá en todos os hospitais de Galicia, comeza a súa primeira edición no Hospital de Montecelo (Pontevedra), enmarcado dentro do Programa de Formación de Transplantes promovido pola CAT.
Os equipos de coordinación de transplantes de cada hospital serán os encargados de impartir os contidos do curso que contará na súa recta final coa participación dunha persoa transplantada para transmitir a súa experiencia.