A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE DESENVOLVE UNHA NOVA CAMPAÑA NAS INSTALACIÓNS DE COREN OURENSE

As instalacións de Coren Ourense acollerán os días 2, 3 e 4 de xuño a visita das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que desenvolverán unha campaña de doazón destinada a favorecer a participación dos traballadores e traballadoras. Nas xornadas do martes 2 e mércores 3 de xuño, a unidade móbil da Axencia visitará Coren CPA, estacionando dentro do recinto da empresa das 09:30 ás 14:30 horas e, en idéntico horario, atenderá a todas as persoas que desexen doar o xoves 4 de xuño en Coren San Cibrao.


Coren Ourense conta cunha longa traxectoria de colaboración e compromiso no desenvolvemento das iniciativas destinadas a fomentar a doazón, converténdose nunha empresa referente en Galicia pola súa solidariedade. Comezou a acoller campañas de doazón de sangue no ano 1996 e, na actualidade, acumula un total de 3.287 doazóns de sangue. A ADOS quere agradecer á dirección de Coren Ourense a súa implicación e as facilidades brindadas para o desenvolvemento das campañas de doazón, agradecemento que fai extensivo a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue.


Comparte vida, únete a nós.