A UNIDADE MÓBIL DE ADOS VISITARÁ O CENTRO COMERCIAL MARINEDA CITY PARA PROMOVER A DOAZÓN DE SANGUE

O centro comercial Marineda City volve amosar o seu compromiso coa solidariedade sumándose, unha vez máis, á campaña de doazón organizada pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).


Mañá sábado 27 de decembro, en horario de 10:00 a 15:00 horas, unha unidade móbil da ADOS estará estacionada na praza exterior do centro comercial, co obxectivo de facilitar a doazón a todas aquelas persoas que desexen colaborar neste acto altruísta. Como mostra de recoñecemento pola súa xenerosidade, as persoas doantes recibirán un vale trocable por un almorzo gratuíto no propio recinto comercial.


A colaboración entre ADOS e Marineda City, activa desde o ano 2011, consolida ao centro como un aliado clave na promoción da doazón e de valores solidarios. A ADOS ten visitado Marineda City en 15 ocasións, acadando un total de 279 doazóns no transcurso das campañas de doazón de sangue.


Neste sentido, desde a Axencia agradece á xerencia do Centro Comercial Marineda City a súa constante colaboración e compromiso co labor de recollida de doazóns de sangue, recoñecemento que quere facer extensivo a todas as persoas que doan sangue.


Comparte vida, únete a nós.