A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE ACADA AS 587 DOAZÓNS NA CUARTA CAMPAÑA ANUAL DAS SÚAS UNIDADES MÓBILES EN STELLANTIS VIGO

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) acadou, na cuarta campaña de doazón que se desenvolveu este ano nas instalacións de Stellantis Vigo, unha participación de 587 doantes. Ao longo dos días 5, 6 e 7 de novembro, achegáronse a doar un total de 636 traballadores e traballadoras da empresa viguesa, dos cales un 91% puideron facer efectiva a súa doazón. Salientar que 38 das 587 doazóns recollidas pertencían a persoas que doaban sangue por vez primeira.
No que resta do presente ano, ADOS ten proxectado efectuar unha campaña máis en Stellantis Vigo e pon en valor a contribución deste centro vigués, que suma 76.700 doazóns desde 1995, ano no que comezaron as colectas de sangue nesta significativa factoría galega. ADOS amosa o seu sincero agradecemento a Stellantis Vigo, un dos principais centros industrais do tecido produtivo galego que, desde sempre, deu mostras do seu compromiso solidario co xesto da doazón.




Comparte vida, únete a nós.