Unha unidade móbil estará estacionada hoxe xoves 7 de agosto ao carón do Pavillón municipal de Pontevedra.
Pontevedra, 7 de agosto de 2025. Con motivo da celebración dun torneo de balonmán no pavillón municipal de Pontevedra, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o club Cisne poñen en marcha, hoxe xoves, unha iniciativa conxunta destinada a promover o solidario xesto da doazón de sangue entre os veciños e veciñas do municipio.
Unha unidade móbil de ADOS estará situada no pavillón municipal de Pontevedra, na rúa Xoan Manuel Pintos número 7, en horario de tarde de 15:30 a 21:00 horas para atender a todas as persoas que desexen participar na doazón.
ADOS salienta a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para acadar unha conciencia social favorable á doazón, como nesta nova oportunidade, está a impulsar o club de balonmán Cisne de Pontevedra, xa que auna os positivos valores do deporte á mensaxe de solidariedade que transmite a Axencia.
ADOS quere agradecer a todos os membros do club Cisne de Balonmán a súa especial sensibilidade en torno á doazón de sangue, así como o seu decidido compromiso para impulsar este xesto solidario en Pontevedra.