ADOS E O CENTRO COMERCIAL TRAVESÍA DE VIGO PROMOVEN A CAMPAÑA ESPECIAL "DOANTES DE PELÍCULA" CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DO DOANTE DE SANGUE

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial Travesía de Vigo colaboran, unha vez máis, na promoción da doazón de sangue cunha campaña especial co gallo do Día Mundial do Doante de Sangue. Todas as persoas que acudan a doar ao longo da xornada do venres 14 e sábado 15, ata a sala de doazón habilitada na planta baixa das instalacións comerciais, recibirán como agasallo unha entrada de cine dentro da campaña “Doantes de película”.

Esta é a sétima campaña de doazón conxunta que desenvolven ADOS e o Centro Comercial Travesía de Vigo que, desde o ano 2021, está amosando o seu compromiso e apoio a todas as iniciativas destinadas a sensibilizar aos cidadáns da importancia da doazón de sangue. Salientar que, no transcurso das seis visitas precedentes, recolléronse 511 doazóns, das cales 152 (un 30%) correspóndense con persoas que doaban sangue por vez primeira.

Na xornada do venres 14, a unidade móbil de ADOS atenderá a todas as persoas que desexen doar sangue das 10:00 ás 14:30 horas e das 15:30 ás 21:00 horas, mentres que o sábado 15, poderán doar entre as 10:00 e as 14:30 horas.

ADOS quere amosar o seu máis sincero agradecemento ao Centro Comercial Travesía de Vigo pola súa constante contribución ao desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, especialmente, nunha data como a do 14 de xuño na que se pon en valor o labor das persoas que doan sangue.

Comparte vida, únete a nós.