A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desenvolverá distintas actividades vencelladas ao solidario xesto da doazón de sangue na sexta edición do Culler Ciencia, a feira de ciencia para escolares que se desenvolverá ao longo da xornada do sábado 8 de xuño na explanada do Burgo (Culleredo).
Esta iniciativa conxunta, que conta coa colaboración da Irmandade de Doantes de sangue da Coruña, tenta achegar a doazón de sangue, dun xeito lúdico, aos nenos e nenas en idade escolar e para iso, ADOS disporá dunha jaima na que os máis pequenos e pequenas poderán facer debuxos, elaborar chapas e traballar contidos informativos sobre a doazón de sangue en materiais adaptados as súas idades entre outras moitas actividades. Así mesmo, unha unidade móbil da Axencia estará estacionada na explanada do Burgo, das 10:00 ás 15:00 horas, para atender a todas as persoas que desexen doar sangue.
ADOS quere agradecer á organización da VI edición de Culler Ciencia as facilidades amosadas para o desenvolvemento desta iniciativa que, ademais de ter como obxectivo, acadar doazóns de sangue, ten como meta favorecer o contacto dos escolares galegos coa doazón de sangue, permitindo a creación dunha conciencia social favorable a este xesto solidario.