A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) en colaboración có torneo de fútbol feminino e masculino “Bo camiño League” que se celebra estes días en Caldas de Reis, pon en marcha unha nova campaña de doazón, co obxectivo de sumar esforzos e fomentar a participación dos cidadáns, e en particular, dos amantes do fútbol, neste acto altruista e xeneroso.
Tanto ADOS como os organizadores do torneo queren transmitir valores de solidariedade e compromiso social, demostrando que o deporte tamén pode ser unha plataforma para a saúde e a vida.
Unha unidade móbil estará estacionada este venres 11 de xullo, no Paseo, xunto o centro de saúde, de 10:00 a 14:00h. e de 16:00 a 21:00h. para atender a todas as persoas que queiran compartir o seu tempo en doar sangue.
ADOS quere mostrar o seu agradecemento ao concello e aos organizadores do torneo pola súa implicación coa campaña de doazón desenvolvida pola Axencia en Caldas de Reis, e en especial ao seu alcalde Jacobo Pérez polo seu compromiso e apoio ao asistir a unha das nosas unidades móbiles a doar sangue.
Ados quere facer extensivo tamén este recoñecemento a todos os veciños e veciñas que participa neste acto solidario que contribúe a salvar vidas e á creación dunha conciencia social favorable á doazón.