GALICIA SUPERA NOVAMENTE A TAXA DE DOAZÓN DE SANGUE RECOMENDADA POLA ORGANIZACIÓN MUNDIAL DA SAÚDE E ACADA 109.330 DOAZÓNS NO 2019

ADOS lembra que o índice de doazón sitúase en 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, superando en dous puntos a taxa acadada no ano anterior Desde a Axencia estase a desenvolver un plan de acción para aumentar a participación dos galegos e galegas, que supón unha constante mellora no servizo, tanto a nivel de infraestruturas como informativo.

Santiago, 13 de marzo de 2020.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) salienta que Galicia acadou, o pasado 2019, unha cifra de 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra que supera o índice de participación que recomenda a Organización Mundial da Saúde e se sitúa dous puntos por riba da cifra acadada no exercicio anterior. As 109.330 doazóns de sangue acadadas en 2019 supoñen un crecemento do 3,1% con respecto ao ano anterior, sendo as provincias de Lugo e Ourense as que rexistraron un maior crecemento, do 13,9% e do 7,3%, respectivamente, a pesar das dificultades sociodemográficas que presentan ambas provincias.

ADOS quere agradecer a todos os doantes o seu compromiso coa doazón que ten permitido incrementar, novamente, a cifra de doazóns en Galicia, así como acadar 9.532 doantes novos, cifra que representa un total do 15,1% de doadores do pasado ano e que supón unha importante renovación na base de doadores.

PROVINCIA DOAZÓNS Doazóns 2018​ Doazóns 2019​ Taxa de Doazón 2018​ Taxa de Doazón 2019​
A Coruña​ ​49.224​
​ 51.341 ​44/1.000 ​46/1.000
​Lugo ​7.616 ​8.671 ​23/1.000 ​26/1.000
​Ourense ​9.643  ​10.350 ​31/1.000 ​34/1.000
​Pontevedra ​39.515 ​38.968 ​42/1.000 ​41/1.000
​TOTAL ​105.998 ​109.330 ​39/1.000 ​41/1.000
 
Así mesmo, especialmente salientable resulta a evolución do programa de doazón mediante aférese que a Axencia desenvolve nos locais de doazón das sete grandes cidades galegas e que acadou as 6.926 doazóns mediante este sistema, cifra que representa un substancial incremento do 14,7% con respecto ao ano anterior.

Espallamento e envellecemento poboacional 

ADOS lembra que Galicia é unha das comunidades autónomas con maiores dificultades para acadar un bo número de doazóns de sangue debido a factores sociodemográficos como o espallamento poboacional así como o seu envellecemento, circunstancia que dificultan, enormemente, o desenvolvemento de campañas de captación de novos doadores e doadoras de sangue. 

Desde a dirección da Axencia, apelase á probada solidariedade da cidadanía galega para continuar superar estes obstáculos e incentivar a súa participación nas campañas de doazón de sangue, un xesto vital para que miles de doentes podan recibir a transfusión dos compoñentes sanguíneos que que se obteñen da doazón. Así mesmo, salientar que Galicia continúa superando a taxa de doazón estatal, situandose nos postos de cabeza entre ás CCAA con maior índice de participación da súa cidadanía.

Para isto, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue está a incrementar as facilidades para posibilitar a doazón que se evidencian na posta en funcionamento de novas unidades móbiles rotuladas baixo o lema “Súmate ao noso equipo”, así como o achegamento dos locais de doazón de sangue aos principais hospitais de referencia das sete grandes cidades galegas. Neste sentido, lembrar que os locais de A Coruña, Pontevedra e Santiago foron modificados recentemente para unha mellor atención aos cidadáns. 

Así mesmo, estanse a impulsar programas de formacion e información en torno a este xesto solidario entre todos os ámbitos da sociedade galega. Neste sentido, salientar o desenvolvemento do programa “Mensaxeiros Solidarios” desenvolvido para nenos de educacion infantil e primaria que, no presente curso, tenta chegar a 400 centros educativos de toda Galicia para dar a coñecer aos máis pequenos o solidario xesto da doazón.

Participación por concellos

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salienta que o concello con maior participación de Galicia foi o de Santiago de Compostela, con 9.462 doazóns, o que lle permitiu acadar un índice de 97 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Na provincia de Lugo, Meira foi o concello de maior taxa de doazón cun índice de 68/1.000; na provincia de Ourense, Pobra de Trives obtivo unha taxa de 69/1.000 e na provincia de Pontevedra, o concello de maior participación foi A Guarda con 86/1.000.

Así mesmo, resultan especialmente salientables as 46.310 doazón rexistradas nas sete grandes cidades polo que o 42% das doazóns recollidas en Galicia foron realizadas polo 37% da poboación total.

Programa de melloras

Co obxectivo de mellorar os datos de doazón de sangue en Galicia, a ADOS está a desenvolver este ano un plan de actuación e mellora continua, dentro do que cabe salientar a recente renovación da máxima certificación de calidade ISO 9001:2015, así como la acreditación correspondente ao Comité de Acreditación en Transfusión (CAT). 
Así mesmo, durante o ano 2020 continuarase co programa de melloras infraestruturais iniciado hai catro anos coa posta en funcionamento da Axencia. Para o presente exercicio, contémplanse melloras substanciais como a próxima reforma do local de doazón de Ourense e a adquisición dunha nova unidade móbil que ven a completar a renovación da parque de vehículos de ADOS. 
Ademáis, a Axencia lembra que no vindeiro mes de xuño terá lugar, un ano máis, o tradicional acto de recoñecemento a persoas e colectivos que se teñen distinguido pola súa especial sensibilidade a prol do solidario xesto da doazón de sangue en Galicia, co gallo da conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue que se celebra o 14 de xuño.

Estudantes universitarios

Un dos capítulos nos que ADOS está a desenvolver unha forte actividade, é a campaña de sensibilización en centros docentes universitarios dos sete campus galegos que, no transcurso da primeira fase da campaña de doazón nas universidades galegas levada a cabo no presente curso académico, xa obtivo un notable incremento do 21,6% nas participación dos membros da comunidade universitaria, achegandose ata ás 2.900 doazóns de sangue.

Non podemos esquecer, neste punto, o desenvolvemento de iniciativas como o Reto 5000, impulsada dentro da Rede Española de Universidades Saudables, ou a iniciativa de Aprendizaxe e Servizo en colaboración coas facultades de Ciencias da Educación e Enfermaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ou o programa de visitas guiadas ata os laboratorios de ADOS e que ten acollido, ata o pasado ano, a asistencia de máis de 600 estudantes procedentes, principalmente, dos centros de ensino secundario e das universidades galegas.

Desde ADOS manifestar o recoñecemento a todas as persoas, institucións e asociacións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, especialmente ás Irmandades de Doadores de Sangue e, especialmente, a todas as persoas que doaron sangue o pasado ano 2019 e que permitirán que Galicia se sitúe no quinto lugar en índice de doazón de sangue e supere, un ano máis, a taxa de doazón estatal. Non obstante, lembrar que en Galicia doan 4 de cada 100 cidadáns polo que continuarán a desenvolverse programas destinados a fomentar a participación dos galegos e galegas.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

Comparte vida, únete a nós.