O CONSELLEIRO DE SANIDADE SUBLIÑA O PAPEL PROTAGONISTA DOS DOANTES E DAS SÚAS FAMILIAS NA EXCELENTE EVOLUCIÓN DO PROGRAMA DE DOAZÓN E TRANSPLANTE CO GALLO DA ENTREGA DO XXXII GRELO DE OURO A ADOS

A Fundación Amigos de Galicia concedeu este galardón a colectivos e persoas doantes de órganos e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

Vázquez Almuiña salienta as cifras de récord acadadas nos últimos anos e que supuxeron a realización de 354 intervencións cirúrxicas de transplante no pasado ano


Verín (Ourense), sábado 16 de novembro de 2019.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou o papel protagonista que teñen os doantes de órganos e as súas familias, na excelente evolución experimentada polo programa de doazón e transplante en Galicia e que supuxo que, no pasado ano 2018, se rexistrase a cifra de 116 doantes e 354 intervencións cirúrxicas de transplante. 

O titular de Sanidade subliñou que estos datos son os mellores desde a posta en funcionamento do programa de doazón e transplante en Galicia.
Vázquez Almuiña tivo palabras de agradecemento para todos os doantes e as súas familias, no transcurso da concesión do XXXII Grelo de Ouro que outorga á Fundación Amigos de Galicia á Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), ás asociacións Airiños e Adrovi e a todos os colectivos e persoas doantes. Así mesmo, nesta edición salientouse a figura dos doantes na persoa de José Antonio Alonso Miranda, socio da entidade falecido recentemente e doante de todos os seus órganos

Merecida homenaxe

Tanto o conselleiro de Sanidade como a directora de ADOS, Marisa López García, quixeron agradecer á Fundación Amigos de Galicia a concesión deste recoñecemento, xa que pon de manifesto o agradecemento de toda a sociedade galega aos doantes de órganos e ás súas familias, un eslabón fundamental no artellamento do noso sistema público de saúde e que ten convertido ao noso país nun referente de solidariedade e altruísmo a nivel mundial.

Neste sentido, coincidiron en salientar o compromiso da Conselllería de Sanidade e da Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS no proceso de mellora continua e de vocación de servizo á sociedade galega e subliñaron a necesidade de continuar na liña de traballo que principiou no ano 1981 coa realización do primeiro transplantes de órganos en Galicia e que ten permitido superar, nestes 28 anos, a cifra de 8.000 transplantes.

Fomentar a concienciación

Así mesmo, fixeron extensivo este agradecemento ás asociacións de doentes e transplantados pola súa inestimable contribución a prol da consolidación dunha cultura proclive aos distintos xeitos de doazón (órganos, sangue, medula ósea,...), todos eles estreitamente relacionados. Por último, o conselleiro de Sanidade convidou a todos os cidadáns a converterse en doantes de órganos e indicou que, na actualidade, máis de 115.000 galegos e galegas, dispoñen de tarxeta de doante de órganos, cifra que medra ano tras ano grazas a unha das principais fortalezas do noso sistema público de saúde: a xenerosidade e solidariedade da cidadanía.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

Comparte vida, únete a nós.