h1

​​A taxa de doazón de sangue en Galicia medrou significativamente nos últimos anos, pero tamén produciuse un importante crecemento na actividade asistencial hospitalaria que incidiu directamente no aumento das necesidades de sangue.

Cada día os hospitais galegos atenden unha media de máis de 3.000 urxencias, realizan unhas 500 intervencións cirúrxicas e tres transplantes de órganos ou tecidos
O gran crecemento na actividade asistencial xustifica, aínda máis, o obxectivo que persegue o CTG de continuar incrementando a participación dos cidadáns dentro da taxa que recomenda a Organización Mundial da Saúde (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano).
Para tentar acadar este obxectivo, cada día DEZ unidades móbiles do CTG percorren Galicia na procura da colaboración dos cidadáns.
O CTG realiza campañas de doazón de sangue todos os días, nos núcleos principais de poboación dos concellos, nas parroquias, barrios das grandes cidades, empresas, centros de ensino secundario, escolas e facultades universitarias,...Tamén existe a posibilidade de doar sangue nos locais de atención ao doador existentes en: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
Non é posible esquecer o agradecemento profundo e sincero que temos que trasladar ás mulleres e homes que, ao longo dos anos de actividade do CTG, decidiron voluntariamente participar neste acto altruísta.
O xesto sinxelo de doar sangue, permite que cada día moitas  persoas  poidan curar e mesmo salvar a súa vida.