h1

A unidade de Control de Calidade e Confirmación realiza no CTG unha dobre función. Por unha banda, controla diversos parámetros dos compoñentes sanguíneos que son obtidos a partires das doazóns de sangue en Galicia, seguindo para isto as recomendacións do Consello de Europa co fin de que exerza un efecto terapéutico homoxéneo.

Entre o labor que realiza, inclúese a determinación de parámetros físico-químicos como o pH, biolóxicos coma os recontos celulares ou a esterilidade, bioquímicos coma a riqueza dos factores da coagulación,…
 
Ademais, a unidade de Control de Calidade e Confirmación, supervisa as condicións de conservación dos propios compoñentes sanguíneos, dos reactivos empregados, así coma de diferentes áreas e equipos de traballo, controlando, monitorizando e rexistrando diversos parámetros en puntos de medida do Centro de Transfusión de Galicia e dos seus almacenes anexos: temperaturas (dende incubadores de cultivos celulares ata conxeladores de nitróxeno líquido), concentracións de gases, aperturas de portas, tensións eléctricas e diversos tipos de alarmas.

 

Por outra banda, realiza técnicas adicionais e de confirmación ás doazóns que resultan reactivas no escrutinio serolóxico habitual, para decidir a súa situación e a información que recibirá o doador.