h1

A organización de campañas de doazón en unidades móbiles é o principal vehículo utilizado polo Centro de Transfusión de Galicia (CTG) para conseguir o aumento do número de doazóns. Non obstante, foi necesario o desenvolvemento paralelo de campañas informativas que permitiran o incremento da taxa de doazón en Galicia.

Ademais dos desprazamentos que efectúa os concellos das catro provincias galegas, tamén impulsa campañas de doazóns en universidades, parroquias, barrios das grandes cidades, centros docentes non universitarios, empresas de ámbito público e privado e acuartelamentos do Ministerio de Defensa (Exército de Terra, Armada e Exército do Aire).
 
A unidade de Promoción do CTG elabora as campañas de doazón para tentar que Galicia se manteña nun índice de 40-60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS) como axeitada para garantir a cobertura de compoñentes sanguíneos nos hospitais galegos.
 
A enorme dispersión da poboación galega é un dos factores que dificultan o desenvolvemento das campañas de promoción da doazón de sangue, xa que Galicia conta co 55 por cento dos núcleos de poboación que existen en toda España.
 
O traballo desta unidade consiste en captar e manter unha base ampla, estable e crecente de persoas que doen sangue de xeito regular, voluntario e cunha motivación altruísta.
 
Esta actividade organízase en dúas liñas de traballo, complementarias e sinérxicas, centradas en aspectos de promoción, para a captación de novos doadores e de fidelización, para o mantemento dos que xa participaron, para isto disponse das seguintes ferramentas informativas:
·         Distribución de material informativo: Antes dos desprazamentos de cada unha das unidades móbiles, distribúense folletos informativos sobre a doazón de sangue, ademais de carteis que indican a data, localización e horario de atención aos doadores. No 2009 distribuíronse 110.000 carteis e 500.000 folletos informativos en Galicia
·         Charlas e conferencias: Impártense charlas informativas nos centros docentes e conferencias en colaboración con asociacións de veciños, de amas de casa,… co obxectivo de solucionar as dúbidas que rodean a doazón e, deste xeito, facilitar a participación activa dos cidadáns. No 2009 impartíronse 3.450 charlas informativas
·         Campañas publicitarias: Durante os meses de verán e Nadal, desenvolveuse unha intensa campaña publicitaria nos medios de comunicación, para tentar manter estable a participación dos cidadáns nestas épocas do ano.
·         Campañas de apoio institucional: Garantir o autoabastecemento dos nosos hospitais é complicado ao longo de todo ano, pero aínda mais o é no verán. Co aumento do número de accidentes nas nosas estradas, increméntase a necesidade de sangue nas urxencias. Dende o ano 2000, o CTG e ao redor de 200 concellos galegos, verán tras verán,  unen esforzos a prol da doazón voluntaria de sangue con intensas campañas informativas.
·         Información os doadores: O CTG informa os doadores do desprazamento das unidades móbiles ó seu lugar de residencia, ben por carta ou persoalmente a través do teléfono. Despois de cada doazón, envíase a cada doador unha carta de agradecemento polo seu acto solidario, xunto cos resultados das análises feitas a súa bolsa de sangue para o coñecemento do seu estado de saúde.
·         Liña gratuíta de atención telefónica: Nesta liña (900 100 828), que atende calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue, tamén é posible coñecer as datas nas que se desprazarán as unidades móbiles do CTG aos concellos da nosa comunidade autónoma.
 
O intenso traballo informativo desta unidade é posible, en boa medida, grazas á colaboración desinteresada que prestan todos os días numerosas persoas, institucións e asociacións. Especialmente salientable é a axuda constante das irmandades de doadores de sangue e os medios de comunicación, vital para poder superar as dificultades debidas a dispersión da poboación e facer chegar a información sobre a doazón de sangue os anteditos cidadáns.