h1

O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE REDOBRA ESFORZOS A PROL DO FOMENTO DA DOAZÓN DE MEDULA ÓSEA

Pon a disposición da cidadanía galega unha páxina web que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores http://galicia.medulaosea.org

 

Santiago, 21 de abril de 2014 Tanto o director xeral como os responsables da Oficina de Coordinación de Transplantes e do Centro de Transfusión sinalaron, na rolda de prensa que tivo lugar nas dependencias da Consellería de Sanidade, que poden ser doadores de medula ósea as persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón. Sinalaron, tamén, que do total de persoas inscritas na Rede Española de Doadores de Medula Ósea (Redmo), que a 31 de decembro eran un total de 132.235 cidadáns, 3.160 pertencen á nosa Comunidade Autónoma (2,3%).

Tipos de transplantes

Tal e como remarcaron os representantes do Sergas no acto de hoxe, existen tres tipos de transplantes de medula ósea, o autólogo, o aloxénico emparentado e o aloxénico non emparentado. Os autólogos son nos que se usan as células do propio paciente, deste xeito realízase a extracción deste tipo de células, que se tratan con medicación e que se utilizan para o tratamento do propio doente. Os transplantes aloxénicos emparentados son os que os doadores das células son familiares dos enfermos que son compatibles. Finalmente, os transplantes aloxénicos non emparentados son aqueles nos que non se poden usar as células propias do doente e non hai un doador compatible dentro da familia.

Durante o pasado ano realizáronse en Galicia un total de 182 transplantes de medula ósea, dos cales 118 foron autólogos, 30 aloxénicos emparentados e 34 aloxénicos non emparentados. Do total de transplantes, 167 fixéronse en adultos e 15 en idade infantil.

Trasplantes por centros

Desglosado por centros, do total de 118 transplantes autólogos realizados en Galicia no 2013, fixéronse 38 no C.H. Universitario da Coruña; 32 no C.H. Universitario de Vigo; 15 no C.H. Univ. de Ourense; 14 no C.H. Univ. de Santiago; 11 no Hospital Universitario de Lugo; e 8 no C.H. Univ. de Pontevedra. Dos transplantes aloxénicos emparentados, 12 fixéronse no C.H. Univ. de Santiago; 12 no da Coruña e 6 no de Vigo. Dos aloxénicos non emparentados, 17 realizáronse no C.H. Univ. de Santiago; 10 no de Vigo e 7 no da Coruña.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE SANIDADE