h1

Moitos de nós sabemos que podemos doar sangue, aínda que tamén é posible doar o tecido que a produce: a medula ósea. A medula ósea é o tecido brando e xelatinoso que atopamos no interior oco de certos osos. É o lar das 'células nai' do sangue: os proxenitores hematopoéticos. A parte celular do sangue está formada por glóbulos vermellos, que transportan o osíxeno, leucocitos que combaten as infeccións e plaquetas que axudan a deter o sangrado. As células nai producen todas estas células, que son liberadas ao torrente sanguíneo a través dos tecidos e das veas que rodean o oso.

 
No caso de que a medula ósea do doente non poda funcionar axeitadamente debido a unha enfermidade (como a leucemia), un transplante de proxenitores hematopoéticos, resulta esencial para a súa supervivencia. Pode atoparse un doador compatible dentro da familia do doente, soamente nunha cuarta parte dos casos. No resto, precísase buscar doadores voluntarios compatibles. Pero a compatibilidade entre persoas non emparentadas é moi difícil de atopar, polo que se recorre a unha rede internacional de rexistros de medula ósea.
 
En España, o rexistro chámase REDMO, o xestiona a Fundación Carreras e, cos seus numerosos centros de doadores (como o Centro de Transfusión de Galicia), é responsable da información, as probas e o rexistro dos doadores de sangue que se presenten voluntarios para converterse en doadores de medula ósea, ou de calquera outra persoa que sen ser doador de sangue, o desexe e cumpra os requisitos necesarios. Tamén realiza as buscas en todo o mundo para atopar doadores de medula axeitados.
 
Para unirse ao REDMO, vostede debe ter entre 18 e 55 anos e cumprir os criterios de aceptabilidade como doador de sangue, aínda que non é imprescindible que o sexa.
 
Pode unirse ao doar sangue, neste caso tomaranlle unha mostra adicional para que o seu tipo de tecido poda ser identificado. Os seus datos poranse nun rexistro informatizado e confidencial do REDMO e cando se produza unha coincidencia potencial cun doente, pediráselle que subministre mostras de sangue adicionais para facer unha análise máis extensa. Nese momento, xa existirá unha posibilidade de entre 10 de que sexa seleccionado.
 
Existen dous xeitos de doar. Pódese doar medula ósea mediante a extracción das células nai dende o oso da cadeira, utilizando unha agulla, unha xiringa e anestesia xeral. Tamén pódense doar proxenitores hematopoéticos a través do sangue periférico. Para isto, uns días antes da doazón, inxéctase un medicamento que aumenta considerablemente o número de células nai no sangue circulante do doador. Estas células poden doarse mediante citaférese, procedemento que non precisa anestesia xeral. Un separador celular recolle os proxenitores hematopoéticos e devolve o resto do sangue ao corpo polo medio da vea do outro brazo. Todo o proceso realízase nun hospital de referencia, o máis preto posible do seu lugar de residencia e implicaría algún tempo e desprazamentos.
 
Ambos procesos son moi seguros, aínda que ningún procedemento médico está completamente exento de riscos. Agás algunhas molestias temporais, ambos procedementos son relativamente indoloros para os doadores. Non obstante, posiblemente sexa vostede, a única persoa con capacidade para axudar a vivir a outra que non coñece nin coñecerá, este sentimento soe compensar as molestias.
 
(Adaptado da información do BBMR http://www.nhsbt.nhs.uk/bonemarrow/ )