h1

O sangue de cordón umbilical é unha fonte suplementaria de proxenitores hematopoiéticos moi prometedora. Estes proxenitores, tamén denominados células nai, son capaces de producir todos os elementos do sangue e con eles de curar pacientes con enfermidades do sangue mediante a práctica dun transplante hematopoiético. Tradicionalmente estes transplantes realizábanse administrando ao paciente células nai obtidas na medula ósea ou o sangue periférico dun doador san. Hoxe en día sabemos que o sangue do cordón umbilical contén suficiente cantidade de células nai como para poder realizar transplantes hematopoiéticos en nenos, adolescentes e adultos de baixo peso. Ademais, as células nai do cordón umbilical, a diferenza do que acontece coas células nai da medula ósea, poden empregarse con éxito aínda que doador e receptor non sexan totalmente compatibles. Isto ampliou notablemente o número de pacientes que poden beneficiarse dun transplante. Finalmente, as unidades de sangue de cordón umbilical teñen a vantaxe de ser doadamente localizables e estar dispoñibles de forma case inmediata xa que se gardan conxeladas nos bancos de sangue de cordón umbilical.

O cordón umbilical e o sangue que contén son habitualmente desbotados tras o parto. A recollida do sangue de cordón umbilical efectuase tras o alumeamento e unha vez seccionado o cordón umbilical, non supoñendo ningún risco nin para o fillo nin para a nai.

Unha vez obtida é procesada e criopreservada (conxelada) nos bancos de sangue de cordón umbilical. Estes establecementos encárganse de preparar o persoal das maternidades autorizadas para a devandita recollida, garanten a súa axeitada conservación durante moitos anos, e analizan as características de compatibilidade das células para que as unidades de sangue de cordón poidan ser utilizadas nas mellores condicións e de forma practicamente inmediata. O aumento das unidades de cordón umbilical almacenadas no mundo fai que o número de transplantes realizados a partir de proxenitores de sangue de cordón estea a crecer de forma exponencial.

Os datos de todas as unidades de cordón almacenadas en España están recollidos na base de datos do Rexistro de Doadores de Medula Ósea (REDMO) creado pola Fundación Josep Carreras en 1991. Cando un paciente precisa dun transplante e carece de doador familiar compatible, o centro de transplante solicita a REDMO o inicio dunha busca internacional de doadores ou de unidades de sangue de cordón compatibles.

Deste modo ofrécense ao paciente as máximas posibilidades de dispoñer duns proxenitores idóneos para practicar o transplante no momento en que o precise.
Que hai que facer para ser doador de sangue de cordón umbilical?
 
• Comprobar   que   non   haxa   antecedentes   de   familiares   de   enfermidades   potencialmente transmisibles.
• Descartar,  mediante  unha  análise  de  sangue  efectuada  á  nai,  a  presenza  de  enfermidades infecciosas potencialmente transmisibles.
• Comprobar que o  bebé non sufriu  ningunha enfermidade importante durante os primeiros meses de vida.
• Cumprir e asinar o consentimento informado tras recibir toda a información desexada.

Que faremos co sangue do cordón?
• O  sangue  de  cordón  será  utilizado  para  calquera  enfermo  que  a  necesite, de  acordo  coas indicacións médicas e o grao de compatibilidade e adecuación aos requirimentos celulares.
• Non haberá ningunha discriminación por motivos de raza, nacionalidade,  relixión ou situación económica.
• A doazón será altruísta e anónima.
• O sangue de cordón poderá ser utilizado con fins de investigación cando non sexa adecuado para o seu uso terapéutico.
 
A que se compromete?
A maternidade en que se faga a recollida do sangue de cordón umbilical facilitaralle un consentimento informado para que o asine coa seguinte declaración:
"Entendo que o sangue de cordón umbilical será utilizado para un transplante a calquera enfermo que o necesite. Entendo que a información referente a min e ao meu bebé será codificada e tratada confidencialmente, de forma que queden protexidas as nosas identidades.
Consinto que se me faga unha análise de sangue o día do parto e, de forma opcional, outro nos 4 ou 6 meses seguintes.
Consinto que un pediatra faga un exame clínico ao meu fillo ao nacer e outro nos 4 ou 6 meses seguintes.
Entendo que calquera resultado patolóxico detectado na analítica me será comunicado polo médico responsable.
Entendo que o meu consentimento non obriga ao Hospital a recoller o sangue do cordón umbilical se se considera que as circunstancias non son adecuadas.
Dou o meu consentimento para que, en caso de que o sangue recollido non sexa adecuado para o transplante, se poida utilizar con fins de investigación.
Entendo que a doazón é altruísta e que dela non se derivará ningunha compensación económica. Entendo que teño a posibilidade de renunciar a este consentimento ata o nacemento do meu fillo.
Recibín e lin toda a información ofrecida e estou de acordo; puiden facer todas as preguntas que considerei convenientes e aclaráronme todas as dúbidas.
En consecuencia, dou o meu consentimento para a doazón de sangue de cordón umbilical".
 
Como é a recollida do sangue de cordón umbilical?
O sangue do cordón umbilical recóllese tras o nacemento do neno e despois da sección do cordón umbilical. Para iso realízase unha simple punción do cordón umbilical cando a placenta está aínda no útero.
 
Onde podo doar?
Naquelas maternidades autorizadas para facelo, xa que o centro extractor de sangue de cordón umbilical ha de contar cun equipo especialmente cualificado en realizar esta extracción ha de ter suficiente persoal para asegurar que coa recollida non se desatende á nai ou ao neno, e ha de certificar que a unidade de sangue de cordón se preserva nas condicións óptimas ata o seu envío ao Banco de Cordón correspondente.
 
Para máis información pode contactar co Banco de Cordón da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos no correo bancocordon.ados@sergas.es; portal web ados.sergas.gal; teléfono 881546900.