h1

Santiago, luns 31 de outubro de 2022.- A Fundación Racing Club de Ferrol comprométese co solidario xesto da doazón de sangue mediante o desenvolvemento dunha campaña especial de doazón en colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).

A Fundación, co obxectivo de promover a solidariedade da cidadanía e o aumento do número de doazóns de sangue en Ferrol, ten previsto obsequiar con entradas para o encontro do próximo domingo 6 de novembro a todas as persoas que acudan a doar sangue ata o local fixo de doazón de sangue de ADOS no Hospital Arquitecto Marcide, que ten o seguinte horario de atención: o luns de 15:00 a 22:00 horas; martes, mércores e xoves de 8:00 a 15:00 horas; e os venres, de 8:00 a 22:00 horas, ou ata a unidade móbil que estará o 2 de novembro na Praza de España en horario de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas.

Promovendo a colaboración
Ademais dende ADOS salientar a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para acadar unha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue como, nesta ocasión, está a impulsar a Fundación Racing Club de Ferrol, xa que poden unir os valores positivos do mundo do deporte á nosa mensaxe e transmitila con moita maior proximidade por ter un amplo calado social.

Ferrol, cidade solidaria
Por outra banda, poñer en valor o carácter solidario da cidadanía de Ferrol que, no pasado ano 2021, realizou 3.531 doazóns de sangue, cifra que supuxo obter unha taxa de 55 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice que a sitúa moi por riba das recomen-dacións da OMS (Organización Mundial da Saúde). Non obstante, a doazón de sangue esi-xe dun compromiso constante xa que, todos os días do ano, precísanse entre 400 e 500 doazóns para cubrir as necesidades dos nosos hospitais.

Neste aspecto, pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre traballamos con protocolos de seguridade.