h1

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desexa transmitir a todas as persoas que acudiron a doar sangue o seu recoñecemento, xa que, grazas ao seu xesto altruísta está sendo  posible recuperar ata niveis adecuados as reservas de todos os grupos sanguíneos. Da mesma maneira, quere estender o seu agradecemento aos medios de comunicación galegos que contribuíron a difundir información relacionada coa necesidade de incrementar o volume de doazóns de sangue na época estival.

“Tres Millóns de Grazas”
ADOS lembra que a campaña de doazón que se desenvolve baixo o lema “Tres Millóns de Grazas”, continuará levándose a cabo ata finais do próximo mes de setembro, dado que a campaña de doazón de verán abrangue os meses de xuño a setembro. Neste sentido, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue recorda que son precisas entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias para cubrir todas as necesidades de compoñentes sanguíneos por parte dos hospitais de Galicia.

Elimínase a cita previa
Dende a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue recórdase que, dende o día 1 de agosto, xa non hai o sistema de cita previa para doar sangue. Para obter máis información sobre onde doar ou resolver calquera dubida relacionada co solidario xesto da doazón, ADOS dispón do teléfono gratuíto 900 100 828.