h1

Santiago de Compostela, martes 26 de xullo.- A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Concello de Carballo, en colaboración con Protección Civil deste municipio, están a promover o desenvolvemento da campaña especial “Tres Millóns de Grazas” que achega o solidario xesto da doazón de sangue a toda a xeografía galega. A iniciativa foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa que tivo lugar na Casa Consistorial de Carballo, que contou coa presenza do seu alcalde, Evencio Ferrero, e o xefe do área de sangue e compoñentes sanguíneos de ADOS, Carlos Areal.

Dende ADOS salientouse o seu máis sincero agradecemento tanto á corporación municipal como a Protección Civil e aos veciños e veciñas de Carballo que efectuaron un total de 959 doazóns de sangue ao longo do 2021, o que representa unha taxa de 31 doazóns de sangue por cada mil habitantes e ano, nun período tamén condicionado polas circunstancias da pandemia da COVID-19.

Necesidade continúa
O Concello, Protección Civil de Carballo e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue promoverán a colaboración da veciñanza nas campañas de doazón de sangue, durante os días 4, 5 e 6 de agosto, para asegurar o gran labor asistencial  dos centros hospitalarios galegos, que necesitan entre 400 e 500 doazóns diarias.

As  temporadas de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden cos períodos das vacacións estivais. Por esa razón, desenvólvense accións informativas cos concellos, para tentar garantir unha resposta adecuada  co  obxecto de cubrir a demanda de compoñentes sanguíneos que necesitan os hospitais galegos. Nesta campaña “Tres millóns de Grazas” encádrase a colaboración que levará en Carballo unha unidade móbil de ADOS na próxima semana.

Campaña na Praza do Concello
A unidade móbil de ADOS estará na Praza do Concello de Carballo os días 4 e 5 de agosto das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas, así como o sábado 6 de agosto das 10:00 ás 15:00 horas,  para poder atender a todas as persoas que desexen participar nesta campaña en colaboración  coa corporación municipal e Protección Civil de Carballo, coa que se está a distribuír información entre  a veciñanza destinada a promover e incentivar a participación neste acto solidario, así emitir unha megafonía para incentivar a participación. ADOS lembra que para doar sangue, debemos ser maiores de idade, pesar máis de 50 quilos e non padecer ou ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Evolución na Comarca de Bergantiños

A evolución das campañas de doazón de sangue no pasado ano 2021 tamén estivo condicionada polos efectos das medidas para frear a pandemia da COVID-19. Pero aínda así, na comarca de Bergantiños houbo un ascenso de de dous puntos no índice de doazón por cada 1.000 habitantes e ano.

Concello​
​Doazóns 2021​
​Habitantes  ​ Taxa de Doazón
​Ponteceso ​286 ​5457 ​52/1.000
​Coristanco ​297 ​5857 ​51/1.000
​A Laracha 561​ ​11521 ​49/1.000
​Laxe ​113 ​3004 ​38/1.000
​Carballo ​959 ​31414 ​31/1.000
​Cabana de Bergantiños ​84 ​4185 ​20/1.000
​Malpica de Bergantiños ​107 ​5332 ​20/1.000
​Total ​2.407 ​66.791 ​37/1.000