h1

 
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 22.- A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), en colaboración co Concello de Padrón, están a promover o desenvolvemento da campaña especial “Tres Millóns de Grazas” neste municipio coruñés. A iniciativa foi presentada nesta mañá nunha rolda de prensa no consistorio padronés, que contou coa presenza da directora de ADOS, Marisa López García, e do alcalde da localidade, Antonio Fernández Angueira.
Dende ADOS resaltouse o talante solidario da veciñanza de Padrón que ao longo do ano 2021, efectuaron un total de 734 doazóns de sangue, o que representa unha taxa de 88 doazóns de sangue por cada mil habitantes e ano. Estas cifras, que están dentro das recomendacións da 0MS (Organización Mundial da Saúde), supón estar 49 puntos por encima da media de Galicia.

 ​Necesidade continua
O Concello de Padrón e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue promoverán nesta semana a colaboración dos veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue para asegurar o gran labor asistencial dos centros hospitalarios galegos, que necesitan entre 400 e 500 doazóns diarias. Por iso, dende o Concello de Padrón anímase á cidadanía a doar sangue mediante o envío de información sobre este xesto solidario.
 
As temporadas de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden cos períodos das vacacións estivais. Por esa razón desenvólvense accións informativas cos concellos, para tentar garantir unha resposta adecuada co obxecto de cubrir a demanda de compoñentes sanguíneos que necesitan os hospitais galegos. Nesta campaña “Tres Millóns de Grazas” encádrase a colaboración que levará en Padrón unha unidade móbil de ADOS nesta semana.

Campaña diante da Praza de Abastos
A unidade móbil de ADOS estará diante da Praza de Abastos, ao carón do Paseo do Espolón, os días 21 de xullo, de 10:00 a 14:30 horas; o día 22, de 16:00 a 21:00 horas; e o día 23, de 10:00 a 15:00 horas, para poder atender a todas as persoas que desexen participar nesta campaña en colaboración coa corporación municipal, coa que se está a distribuír información entre a veciñanza destinada a promover e incentivar a participación neste acto solidario. ADOS lembra que para doar sangue, debemos ser maiores de idade, pesar máis de 50 quilos e non padecer ou ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
 
Evolución na Comarca do Sar
A evolución das campañas de doazón de sangue no pasado ano 2021 estivo moi condicionada polos efectos das medidas para frear a pandemia da COVID-19; aínda así, o concello de Padrón ocupou o segundo lugar en índice de doazón de toda Galicia.
Doazóns 2021 por Concellos: 
-Padrón 734 (8.317 habitantes, 88 taxa de doazón)
-Rois 78 (4.493 habitantes,17 taxa de doazón)
-Dodro 38 (2.710 habitantes, 14 taxa de doazón)

Saúdos