h1

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira, e a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, saudaron as persoas que se achegaron a doar ata a unidade móbil da Axencia, que se desprazou ata a cámara lexislativa de Galicia na mañá do día 15.

Unha unidade móbil de doazón de sangue visita como mínimo dúas veces ao ano o Parlamento de Galicia, dentro da campaña de recollida de doazóns de sangue que efectúa a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue en empresas e organismos públicos e que representa o 9% de todas as doazóns recollidas en Galicia ao longo do ano. Así mesmo, dende o 2001, as unidades móbiles de ADOS visitaron en dezanove ocasións o Parlamento de Galicia, acadando un total de 485 doazóns de sangue no transcurso destas visitas.

Tanto a directora de ADOS como o o presidente do Parlamento tiveron palabras de agradecemento para as persoas que doan sangue de maneira habitual pero, de forma especial nesta ocasión, a todos os deputados e deputadas e aos profesionais que desenvolven o seu traballo na cámara lexislativa de Galicia.

Dende ADOS quérese agradecer ao Parlamento de Galicia a súa contribución á consecución dun adecuado número de doazóns de sangue, recoñecemento que se fai extensivo a toda a cidadanía galega que, nalgún momento teñen doado sangue para posibilitar o desenvolvemento do gran labor asistencial do noso sistema sanitario.