h1

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acudiu na mañá do día 15 a doar sangue á unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que se instalou nas inmediacións do edificio administrativo da Consellería en San Lázaro, acto na que estivo acompañada pola directora de ADOS, Marisa López García.

Despois de doar sangue na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Ángeles Vázquez valorou a conciencia solidaria da cidadanía galega, que realizou máis de 3 millóns de doazóns de sangue dende o ano 1993, e lembrou a importancia de doar sangue como un xesto altruísta grazas ao cal se poden salvar moitas vidas. Ademais de subliñar que os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias para realizar de forma axeitada o seu gran labor asistencial.

Tanto a conselleira coma a directora de ADOS agradeceron a xenerosidade dos profesionais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que foron a doar, así como a toda a cidadanía que doa sangue de maneira habitual.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o seu compromiso e colaboración para lograr un número axeitado de doazóns de sangue, facéndoo extensivo a toda a cidadanía  galega que, nalgún momento das súas vidas, doaron sangue para o correcto funcionamento dos hospitais galegos.