h1

A Axencia de Doazón de órganos e Sangue (ADOS) promoveu, en colaboración co Concello de Melide, unha nova campaña de doazón de sangue neste municipio coruñés o mércores 1 de xuño, coa particularidade de que todas as persoas que acudiron a doar recibiron un saboroso obsequio de agradecemento.
 
Todos os cidadáns que se achegaron a doar sangue ata a unidade móbil localizada no Parque Rosalia de Castro, tanto en horario de mañá coma de tarde, recibiron, por cortesía do Concello de Melide, un presente consistente no tradicional doce local “Ricos”.

O municipio de Melide é un dos concellos con maior taxa de doazón de Galicia, alcanzando 69 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, o que supón chegar a cifra de 515 de doazóns de sangue no 2021. Este índice está moi por riba da media galega, o que reflicte o carácter solidario dos veciños e veciñas desta localidade.

Neste sentido, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere amosar o seu sincero agradecemento tanto á corporación municipal de Melide pola súa constante colaboración,  recoñecemento que fai extensivo a toda a cidadanía melidense que, co xeneroso xesto que  supón realizar unha doazón de sangue, contribúe ao desenvolvemento do intenso labor asistencial dos nosos hospitais.